Please enable JS

PATRIMONIO NATURAL

Benvidos a carreiros e estradas que cruzan profundos vales e ascenden ata cumes de 2.000 metros de altura. No inverno Os Ancares cóbrense de neve e coa primavera as augas do desxeo deslízanse cara aos vales en regatos e pequenas fervenzas. Co outono, a natureza dos Ancares adquire tons avermellados.

O municipio de Navia atópase na zona setentrional da Serra dos Ancares. Desde o punto de vista morfolóxico destacan tres tipos de paisaxe, o val do río Navia, profundamente encaixado entre as montañas circundantes, que cruza o termo municipal de SO a NE, e que favoreceu a formación dunha ampla franxa de terreos aptos para o cultivo.

Doutra banda, os contrafortes da Serra dos Ancares (ao Sur e ao Leste) cortadas por pequenos e encaixados vales, pertencentes a regatos que nacen na parte alta da serra e que van morrer ao Navia. As máximas alturas do municipio localízanse nesta zona, destacando os 1.680 m. do porto de Ancares, os 1.374 m. do monte Tesón e a Lomba do Charco, con 1.239 m.

Complétase este territorio cunha serie de pequenas aliñacións con dirección NO-SE, pertencentes ás Serras de Pedruñales e á de Meira, na parte occidental do municipio.

A rede fluvial está comandada polo río Navia, con numerosos afluentes como o Ser, Moya, Rao e Bullán, entre outros.


O Cochoso

O municipio está repleto de camiños e carreiros que permiten realizar multitude de roteiros para adentrarse neste territorio, aínda que as condicións dalgúns destes camiños poden non ser as adecuadas.

O espectáculo natural complétase coa fauna característica do territorio onde abundan o xabaril, o cervo, o coello, a curuxa, o raposo, o gato montés e o esquío. Podemos gozar do urogallo e outra vez do oso pardo. Estas montañas albergaban unha comunidade de osos que agora renace a través dun programa para a recuperación desta especie.

Montes:  Restelo (1.013 m.); Monte Tesón (1.374 m.); Porto de Ancares (1.680 m.); Serra de Surcio (1.122 m.); Pico Murela (1.009 m.); Montes Adorna (850 m.); Serra de Llonxas (920 m.); Serra de Pedruñales (848 m.); Serra de Liñares (1.050 m.); Serra Chaco de Vallogrande ( 860 m.).

 

Área recreativa A Proba “O Vanzado”

No ánimo de facer da Proba un lugar agradable para vivir onde gozar amablemente dos nosos recursos naturais puxemos en valor a zona do río ao seu paso pola Proba coa área recreativa que conta con todos os servizos para pasar unha xornada inesquecible, ademais de estar totalmente adaptada e accesible.

Conta coa Praia fluvial de augas cristalinas do Vanzado e outra máis pequena, chamada “O pozo da nai”. Dispoñen de vestiarios con duchas e baños públicos. A área recreativa ten tamén como aliciente a pesca fluvial. Toda ela dispón de céspede e cóntase cun parque infantil, ademais de zonas de mesas e grellas para poder xantar ou cear no lugar. Fronte ao parque atópase o “Muíño do Médico” e a presa para dotalo de auga. Parello á presa discorre o “Camiño de Forcois”, un fermoso carreiro que antigamente daba servizo ás numerosas hortas desta marxe do río.

Outras áreas recreativas do municipio que son espazos para o esparexemento e o contacto coa natureza e que contan co necesario para o descanso son a das Veigas e O Cochoso, ambas próximas á LU-722 ao seu paso por Navia de Suarna. O Cochoso toma o seu nome dunha antiga edificación abandonada que no pasado foi unha antiga pousada, coñecida como "Casa do Cochoso". Aquí cóntase cunha pasarela que permite cruzar alén do río para poder gozar dos carreiros que discorren por ambas beiras. Puntos importantes son tamén a áreas recreativas de O Coedo e de Río de Pé