Please enable JS

PATRIMONIO

A Proba

A  Proba conta con dous elementos patrimoniais fundamentais, que mostran a importancia deste núcleo na época medieval coa ponte medieval e o castelo dos Altamira.

A primeira mención documental ao castelo é a doazón que don Rodrigo Gutiérrez fai del á súa esposa no ano 1037. A revolta irmandiña en 1467 destrúe o castelo que os condes posteriormente reconstrúen na súa planta poligonal, erixida sobre un macizo rochoso que se eleva sobre o núcleo poboacional, aínda se observan restos dos torreóns defensivos circulares e parte da muralla coa súa adarve. O castelo estaba construído no seu interior, cunha fábrica de cachotería pizarrosa e a el accedíase por unha porta en arco de medio punto.

 

No pasado século, o sacerdote asturiano Manuel López Ernesto, entón párroco en Navia, adquire o castelo. Refórmao practicamente por completo e cambioulle a fisonomía para facer dentro sete vivendas para os seus herdeiros. Tivo que usar a antiga palleira que reconstruíu con bloques de formigón, que quedaron ao aire e que segue nese estado e nela habilitou outra vivenda. O que se conserva na actualidade, atópase moi desvirtuado.

 

A ponte medieval

Á beira do castelo atópase a denominada "Ponte Vella" ou ponte medieval; unha ponte dun só arco apuntado e con calzada de lousa bombeada e ao que a tradición popular considera romano aínda que o actual sexa de orixe medieval. A este conxunto únese a beleza da contorna natural (o río Navia) que contribúe a realzar o conxunto artístico.

 

Navia de Suarna

O municipio conta con abundantes vestixios prehistóricos como as mámoas e dolmens de Ferreirúa e Vilarpandín ou os castros de Liñares, Monterrío, Coedo e Larxentes. Nas inmediacións de Abrente existen sepulturas medievais de cachotería con cubertas de lousa.

Na arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de San Salvador de Mosteiro, San Xosé de Muñís, Sto. Estevo de Vilarpandín, Santa María de Rao e Barcia os seus máximos expoñentes. E capelas como a de Abrente, Marcelín e Molmeán. Como exemplos de construcións civís destacan as casas grandes de Freixís, Virigo, Vilarpandín e Pin. E na arquitectura popular as típicas pallozas ancareñas nas aldeas da montaña ( Muñís e Ribón), outras construcións típicas da zona como son os muíños, os pombais ou os denominados "cortíns", (peches para protexer colmeas), en Pan do Zarco e Vispeiro.

 


Igrexa de Galegos

 


Santa María de Rao

A tradición artesanal está orientada e dirixida a unha economía de autarquía e illamento na alta montaña lucense, con oficios artesanais como o de guarnicioneiro, que confecciona útiles, aparellos e pezas necesarias para a vida cotiá co coiro dos animais da zona. Aínda hoxe en día prodúcense artesanalmente zocos, albardas, cintos e carteiras, entre outros utensilios de primeira necesidade.

Unha forma de achegarse á etnografía e á tradición popular é unha visita ao poboado de Muñís e á aldea de Coro en Rao ou se se quere unha aproximación á arquitectura civil e ao pasado da alta montaña lucense, pódense visitar os pazos de Freixís, Piñeiro e Virigo.


Pan do Zarco