Please enable JS

Navia de Suarna

Navia de Suarna, capital dos Ancares, é un municipio da provincia de Lugo, que limita ao norte co Principado de Asturias e ao leste coa provincia de León. Cun censo de 1.022 habitantes, a densidade de poboación é de 9 hab/km2. O municipio forma parte da Rede Natura 2000 e está distinguido pola UNESCO como Reserva de Biosfera. O río Navia configúralle carácter á capitalidade municipal, A Proba, e percorre todo o municipio; o punto máis alto atopámolo no Porto de Ancares a 1.680 m.

O maior núcleo do municipio é A Proba, de gran importancia na época medieval como demostra o seu conxunto monumental. A que hoxe é capitalidade municipal naceu ao amparo dunha fortaleza cuxa misión era vixiar un importante paso de camiños medievais. Para atravesar o río Navia era necesario traspasar a única ponte destes profundos vales, unha ponte dun único arco apuntado de 13 metros de altura, dimensións necesarias polas grandes crecidas do río Navia en épocas de choivas.

O que hoxe se coñece como o castelo dos Altamira (BIC 1.994) foi  reconstruído no século XV despois da súa destrución na revoltas irmandiñas. Hoxe este monumento propiedade privada atópase semiabandonado.

Ao redor do río Navia pódese gozar da área recreativa da Proba, un espazo adaptado e accesible coas súas praias fluviais e o paseo ao longo do río que nos mergulla no ambiente desta zona dos Ancares Lucenses, Reserva da Biosfera. Río arriba atópase a presa para dotar ao muíño do médico da auga para o seu funcionamento, paralelo á presa discorre o Camiño de Forcois, que antes daba servizo ás hortas desta marxe do río.


Muíño do Médico

 

 

De que este territorio estivo poboado desde moi antigo dan mostra os abundantes vestixios de patrimonio histórico como as mámoas e dolmens/dólmenes de Ferreirúa e Vilarpardín. Son abundantes os castros prerromanos con máis de 20 emprazamentos entre os que destacan Cabanela, Cantón, Liñares, Monterrío ou  Coedo. Nos arredores de Abrente existen sepulturas medievais de cachotería con cuberta de lousa. Dentro da arquitectura relixiosa a igrexa de San Miguel de Barcia con cabeceira románica ou a igrexa de San Salvador de Mosteiro, San Xosé de Muñís ou Sto Estevo de Vilarpardín. O municipio conta con múltiples exemplos de arquitectura popular ancareña nas aldeas de montaña como Muñís ou Ribón; pallozas, muíños, pombais,…


Castro de Vilela

Para gozar de todos os recursos naturais dos Ancares, Navia de Suarna penétrache neste espazo de vales, ríos, montañas e bosques, do que che namorarás para querer repetir. O municipio conta con diferentes roteiros e numerosos camiños que percorrer.

Navia de Suarna agradece a cordialidade de veciños e visitantes cunha gastronomía pensada para difrutar, onde a androlla é a protagonista principal que enxalzamos coa Festa da androlla o domingo de entroido.