En Navia de Suarna contamos con biblioteca municipal que presta servizo nas instalacións da casa do concello, de martes a venres. Conta con lectura en sala e préstamos a domicilio. Pode contactarse coa biblioteca a través do teléfono 982 365 040.
Cultura é reunirnos e intercambiar. En Navia de Suarna celebramos as feiras mensuais os segundos domingos de mes e os días 29. As Festas Patronais son tamén despedida do verán e benvida ao outono ao celebrarse no terceiro domingo de setembro.
Ademais das festividades litúrxicas das parroquias, na vila da Proba celébrase cada ano a comezos de novembro, habitualmente coincidindo coa festividade de Defuntos, a Festa do Magosto, cita para homenaxear á castaña e enxalzar o outono que viste este territorio de cores e de natureza desbordante.
O venres santo celébrase a Festa da Troita, tamén homenaxe a un alimento característico co que sempre nos beneficiou o río Navia e a cantidade de ríos que percorren o municipio.
A Androlla
A nosa embaixadora gastronómica, a androlla. A costela de porco adobada con pemento, sal e allo se embute nunha tripa grosa e sométese a curación e afumado. Hai 30 anos que Navia de Suarna enxalza a súa androlla e agora iniciáronse os trámites para a creación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Androlla de Galicia, que abarcaría varios municipios da montaña de Lugo e de Ourense. A Festa da Androlla celébrase o domingo de entroido.